Galiza mobilizarase o 5 de xuño, Día do Medio Ambiente en defensa dos nosos territorios, por un modelo enerxético xusto, sustentábel, por e para o pobo!
Baixo o lema “Temos Alternativa!” a Coordinadora Eólica Así Non convoca a toda a sociedade galega a manifestarse en Santiago de Compostela por un modelo alternativo da enerxía que:
-Protexa a Natureza! -Preserve os caladoiros de pesca e os corredores ecolóxicos mariños -Coide e valore o noso patrimonio -Sexa compatíbel coa soberanía alimentaria -Prime o aforro e eficiencia enerxética -Dea soberanía ás galegas sobre os seus recursos -Planifique a eólica con fins socioambientais e ao servizo do país -Respecte e favoreza a participación pública -Preserve a saúde pública
Desde a Coordinadora Eólica Así Non advírtese de que o actual modelo de transición no eido enerxético só responde aos intereses das grandes corporacións da enerxía e que non contribúe a superar o reto climático, pois segue apostando polo espolio do territorio, a fragmentación de hábitats, a perda de biodiversidade e por unha produción intensiva e centralizada da enerxía que somete cativa á sociedade. E propón un novo modelo enerxético sustentado en 9 principios fundamentais que recolle o manifesto Temos alternativa!
Betula adhírese a esta crucial iniciativa e estará presente o próximo 5 de xuño en Compostela. NON FALTEDES!!