A piques de rematar este 2020 de tantas incertezas e dificultades, e a pesar das mesmas, a Directiva de Betula seguiu a traballar no seu obxectivo principal que é a custodia e posta en valor do noso patrimonio. Un patrimonio que durante o transcurso dos séculos e máis especialmente no nestas últimas décadas se veu desprezado, minusvalorado e denostado tanto por aqueles que se servían del como dos que nin sequera o coñecían, chegando a un deterioro que nalgúns casos fai que sexa difícil a súa recuperación.

Somos un pobo cun gran patrimonio cultural, natural, paisaxístico e etnográfico, pero que para a maior parte da poboación é un completo descoñecido. Temos unha historia que se remonta ao principio dos tempos e que se ve reflectido nos restos arqueolóxicos, na nosa lingua ou nas nosas lendas e contos que son o vestixio do noso pasado e apegadas que as antigas civilizacións foron deixando ao seu paso polas nosas terras. É por iso que temos castros, mámoas, murallas, castelos ou pazos, temos lendas, contos mitos, ritos ou seres mitolóxicos, temos unha flora e unha fauna cunha diversidade e variedade e variabilidade biolóxica envexable por outros pobos.

Malia as circunstancias excepcionais que vivimos este ano, que nos obrigaron a alterar o calendario e a organización do noso programa anual de actividades, logramos manter as súas liñas xerais e conseguimos levar a cabo a meirande parte delas:

  • Compra de terreos nas Fragas do Eume (adquisición de fincas cunha superficie total de 50.473 m² grazas á subvención concedida pola Deputación da Coruña).
  • Compra de dúas estacións meteorolóxicas para avaliar os efectos do cambio climático na flora e fauna das Fragas. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Compra de maquinaria e ferramentas necesarias para desenvolver as actividades programadas. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Charla e  roteiro das bolboretas do Eume. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Charla e roteiro dos morcegos. Redes. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Limpeza simultánea de praias. Seselle. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Roteiro-convivencia polo Marraxón. Fene. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Xornada de deseucaliptización en Montefaro.
  • Restauración forestal e paisaxística no monte Marraxón. Comunidade de Montes de Sillobre. Fene. (subvencionado pola Deputación da Coruña)
  • Participación nas Xornadas de Parques Naturais do CEIDA. Sta. Cruz. Sada.
  • Participación no curso sobre fieitos do CFEA, de Guísamo.
  • Xornada de propostas cara á declaración dun ENIL na zona de Montefaro.
  • Sinatura de dous convenios de custodia con particulares.
  • Xestións con concellos e sociedades cara a dotármonos dun local social e oferta de convenios de custodia e formación medioambiental.
  • Visita e asesoramento a fincas de particulares sobre restauración forestal.
  • Visita á finca experimental e de compostaxe de ASPANAES. Fene.
  • Reforzo da Directiva con novas  incorporacións.
  • Xestión da web e das redes sociais.

Cómpre ademais facer fincapé noutras tarefas levadas a cabo, que, malia non teren visibilidade de cara ao público, requiren de moito esforzo e abondosas xestións por parte de Betula, e que resultan imprescindibles para a consecución dos fins da entidade. Dentro destas outras xestións poderiamos destacar as entrevistas cos/as titulares das fincas a adquirir ou das terras onde se fan as actividades, os desprazamentos aos terreos, a documentación, …, ou tarefas de carácter administrativo relacionadas co plan de actividades, investimentos e actuacións en Parques Naturais.

Queremos amosar o noso agradecemento tanto á Deputación da Coruña como á Xunta de Galiza a apertura das liñas de subvencións destinada ás asociacións de carácter medioambiental para poder desenvolver os nosos proxectos e actividades.

Así mesmo, queremos agradecer a labor de tódolos/as voluntarios/as que colaboraron na consecución dos obxectivos ao longo de todo este ano, así como dos/as participantes nas actividades desenvolvidas.

¡¡Grazas, porque sen vós non sería posible!!

Seguiremos loitando para que o noso patrimonio consiga o recoñecemento que se merece acorde coa súa riqueza e para que as galegas e os galegos aprendamos a valorar o que é noso.