Cando un xa leva tanto vivido, ponse a pensar e conclúe que chegou a hora de escribir a súa biografía. É o que fan todos os famosos e, aínda que non estou entre eles, penso que coñecer o vivido por min pode ser de utilidade para outros irmáns e para a Natureza en xeral.

Como vos dicía, son un río humilde, sinxelo, sen grandes pretensións máis que a de ofrecer servizos, acobillo e frescor aos meus veciños e moradores: ameneiros, salgueiros, bidueiros, freixos, loureiros, paporroibos, lavandeiras, carrizos, pinpíns, ferreiriños, pombos, limpafontes, troitas, anguías, reos, ras, corzos, vacas, ovellas, teixugos, xabaríns, golpes…e centos de seres vivos que habitan ao meu carón.

Nacín hai milleiros  de anos, xa perdín a conta, na fonte dos Carneiros e fun baixando paseniño cara ao mar. Despois de percorrer 9 km. con tranquilidade, cheguei á ría de Ferrol. Fun dando vida e fartura polas terras de Laraxe (Cabanas), Fene e Mugardos, pasando dun a outro concello en varias ocasións para contentar a todos.

Cando chegaron os humanos a estas terras, tamén fun xeneroso con eles. Tiñan sede e deilles auga; tiñan fame e deilles peixes; querían regar e presteilles auga; querían bañarse e eu ledo. Entendémonos ben, por iso decidiron establecerse nos castros dos arredores: A Fontenova, Prismos, Piñeiro, O Eixo, San Vitorio, As Escadas. Nas miñas augas enlagaron o liño, lavaron a roupa e máis tarde descubriron que a miña forza lles facilitaba a tarefa  de moer o gran. Eu era forte e gozaba facendo favores! Coa miña forza moveron os rodicios dos muíños, logo as turbinas da fábrica de tecidos e xa no século XX os veciños do Seixo gozaron da luz eléctrica por primeira vez coa miña colaboración. Tamén me quedaron folgos para fornecer de auga a traída da vila de Mugardos. Tal era a miña fachenda que ata engaiolei coas miñas paisaxes á máis grande poeta, Rosalía de Castro e o espléndido pintor Bello Piñeiro.

Con todo, dun tempo para acó, esta armonía desapareceu. Non foi culpa miña, que me sentía feliz. Tampouco dos vexetais e animais cos que me relacionaba. Foron os humanos, eses chamados “homo sapiens” os que romperon este equilibrio milenario e aínda hoxe non sei ben por que. Se eu daba todo sen pedir nada a cambio! Pobres bípedos, danme magoa porque na súa soberbia, na súa prepotencia, camiñan cara á autodestrución. Non se decatan de que son uns máis nesta casa común chamada Terra, onde a norma é a interdependencia e o respecto mutuo. Sempre poñen o acento no progreso sen reflexionar sobre o que iso significa. Destruír a biodiversidade, contaminar e agredir a Natureza non pode chamarse progreso, máis ben é camiñar cara ao abismo. É que perderon o siso? ou será que que ese virus tan maligno que chegou no 19 xa levaba décadas infectando as neuronas dos humanos e provocando a tolemia?

O certo é que a min tocoume padecer nas miñas augas ese feixe de disparates agresivos que vos vou relatar para que esteades en garda e vos rebeledes. A min, despois de tanto sufrimento, só me queda dar testemuño do que nunca debera terse producido.

Comezaron a amolarme aló polos anos 50 do século  XX cando decidiron rechear parte do  esteiro en Beiramar para facer a festa. Alí tiñan acobillo miles de alevíns que xa non puideron criarse. Perdoeilles por iso do divertimento!

Nos 80, coa chegada do progreso aos concellos da bisbarra, Fene e Cabanas decidiron plantarme un polígono industrial enriba do meu leito e botarme fóra sen sequera pagarme a expropiación. Para que non lles estorbara fixéronme unha canalización perimetral artificial e verteron no meu cauce as augas residuais sen depurar. Que noxo! Eu calei!

Nos 90, coa chegada da autoestrada, metéronme nunhas tubaxes estreitas e leváronme á UCI cos vertidos das cementeiras que lavaban as súas cubas á carón das miñas augas: adeus troitas, anguías, reos, ras, limpafontes…moitos non se recuperaron endexamais.

Aló polo 2000 decidiron canalizar as augas residuais do Polígono, mediante un emisario submarino, a Río Castro (ría de Ares), pero non foi gran solución, xa que seguín recibindo vertidos residuais sen control. Iso sí, publicitouse o investimento, abriuse una estrada innecesaria e metéronme noutra nova tubaxe.

Máis progreso padecín na década seguinte coa autovía Ares-Mugardos (a xente chámalle de Reganosa-Forestal-Toxeiro). Así pois, “boas comunicación”. Como atravesa o meu cauce en 4 lugares, non houbo problema para novos entubamentos e cegar cun espantoso terraplén o fermoso val da Armada. Non conformes con isto, acabaron por cortarme as veas. En Laraxe, para sacala cara a Lavandeira,  fixeron unha trincheira na Barrosa de máis  de 10 metros cortándome a capa freática e desangrando os acuíferos que dende entón alivian a miña auga fecundadora polos sumidoiros que verten a Perlío.

Como vedes, levo máis  de 6 décadas de penurias e aínda me queda por contarvos unha ben curiosa, provocada, xaora, polo progreso. Hai uns anos ocorréuselles facer un “Porto Esterior” na ría de Ferrol. Nome falso para disimular que tapa o 50% da boca da ría e impide en máis dun 25% o fluxo de auga. Pois, de rebote, tamén me afectou. En Holanda retiraron das estradas milleiros de toneladas de refugallos asfálticos canceríxenos elaborados con alcatrán de hulla, en cumprimento dunha directiva europea. Informado da ganga, un empresario da zona importounos sen reciclar, a baixo prezo, transportándoos en barcos ata o porto exterior de Ferrol. Para almacenar este enorme volume, fixo o traslado cunha frota de camións ao monte dos Cocidos (Laraxe), ao meu carón. Xa me vedes afogando de novo con lixiviados contaminantes canceríxenos. Alí segue dende o 2008 este novo agasallo de escorrentías contaminantes que me fan cómplice obrigado de levalas nas miñas augas á ría de Ferrol.

Amigos ríos, amigas fontes, amigo mar…podía contarvos máis pero creo que abonda para que vexades como a avaricia humana pode levar a desgraza a calquera parte do Planeta.

Remato coa última traxedia da que fun vítima onte mesmo (15/02/2021). No Polígono de Vilar de Colo,
onde me expropiaron sen compensación o meu cauce milenario, produciuse un incendio nunha nave de reciclado de plásticos contaminantes situada ao meu carón. Toda a auga das motobombas que acudiron, mesturada cos refugallos plásticos, imaxinades a onde foron parar? Ao cauce do río Baa. Os veciños exclamaban: milagre no Baa, onte gris; hoxe, marrón!

Moralexa dun moribundo: Estade vixiantes, os humanos son moi perigosos!

Así mo contou este río caído no infortunio cando onte,16/02/2021, observaba as súas augas atoldadas no val de Boado. O seu murmurio lastimeiro pide respecto e xustiza.

César Martínez Yáñez.