1. Introdución

A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico BETULA, á parte doutras actuacións, vén realizando tarefas de conservación e mellora nas dúas parcelas da súa titularidade nas Fragas do Eume.

A nosa Asociación considera que unha das grandes ameazas dun parque natural tan singular a constitúe a proliferación e progresiva colonización con especies alóctonas como o eucalipto. As nosas parcelas tamén se vían afectadas por esta problemática, polo que tiñamos como unha das prioridades fundamentais a eliminación dos exemplares que medraban nas nosas fincas e favorecer dese xeito a recuperación da vexetación propia do bosque atlántico.

En etapas anteriores fixemos tarefas de delimitación das parcelas, de identificación e conteo dos pés de eucalipto que medraban nelas e das diferentes opcións técnicas para acometer a actuación de entresaca, buscando sempre a maneira menos daniña para o ecosistema primitivo.

Neste contexto decidimos acollernos á convocatoria da Consellería de Medio Ambiente e O.T. para actuacións en parques naturais (DOG n.º 129 do 8/07/2016).

2. Proxecto de actuación

Coa publicación da convocatoria vimos unha oportunidade para dar un pulo definitivo á eliminación dos eucaliptos das nosas parcelas. Acometemos a tarefa de eleboración da memoria técnica coa intención de acceder a unha axuda tan necesaria para unha tarefa complexa, tanto polas dificultades orográficas como de respecto ao bosque primitivo.

Nunha primeira fase entramos en contacto con varias empresas do sector forestal que fixeron visitas ás parcelas para determinar a viabilidade da actuación. Ningunha delas se comprometeu a intervir, pois consideraban moi costosa a tarefa e arriscada para o persoal. A imposibilidade de abrir vías e introducir vehículos pesados propiciou que declinaran acometer uns traballos que terían que ser fundamentalmente manuais.

Porén, decidimos optar pola realización con medios propios, aproveitando a disponibilidade de socios, colaboradores e voluntarios dispostos a aportar a súa experiencia e traballo a un proxecto ilusionante.

Unha primeira dificultade administrativa constituiuna o feito de terse resolto fóra de prazo a concesión da achega por parte da Consellería, sen tempo material para facer os traballos. Deste xeito, só quedaba a opción de solicitar un aval bancario para non perder o importe correspondente á anualidade de 2016.

3. Tarefas de publicidade e tala

De contado, aproveitando a climatoloxía favorable deste inverno, procedemos a visitar as parcelas cun colaborador experto en talas, que se comprometeu a apoiarnos nese labor.

A primeira tarefa consistiu en encargar e colocar o cartel anunciador, cumprindo coa normativa sobre publicidade requirida na convocatoria.

En varias xornadas ao longo do mes de febreiro de 2017 realizáronse con éxito as talas con pequeno impacto sobre a vexetación que estaba en período de inactividade vexetativa. As maiores dificultades estiveron nas zonas próximas á estrada de Caaveiro e ao río Eume, para o que contamos co apoio da brigada disponible no Parque.

O total de eucaliptos contabilizados nas dúas fincas achégase aos 350 pés. Este conteo fíxose no verán contando coa colaboración de voluntariado da asociación e da empresa que xestionou a participación de voluntariado na eliminación de invasoras nas Fragas do Eume. Ao tratarse de rebrotes dunha tala anterior, estes pés, na súa maioría eran dun calibre medio e pequeno, aínda que de altura considerable. O maior perigo estaba na posibilidade de escorregaren ladeira abaixo, pola forte pendente, cousa que aconteceu nalgún caso.

4. Tarefas de cubrición de cepos

As tarefas de cubrición dos cepos con plástico negro para evitar os xenos e facilitar a concentración de calor e humidade para provocar o rápido ataque dos fungos saprófitos foron lentas, totalmente manuais e coa dedicación de moitas horas e persoal. A forte pendente do terreo e o feito de ser moi pedregoso engadiron dificultade á actividade. Revisáronse os tocóns un a un, en moitos casos foi preciso recortalos de novo para achegar o corte ao chan, cortar o plástico á medida encintar e tapar. Para conseguir unha boa eficacia é preciso que non entre a luz e que toda a superficie do eucalipto quede cuberto. Deste xeito o proceso de descomposición comeza de inmediato e a experiencia dinos que nun prazo de 3-4 meses xa está moi avanzado.

Estas xornadas desnvolvéronse dende finais de marzo ata comezos de maio do 2017

5. Retirada de toros da zona de policía, entre a estrada de Caaveiro e o río Eume

A mediados de maio procedemos á retirada de pólas e toros que dificultaban o paso pola beira do río e nalgún caso chegaron a mergullarse no mesmo. Tratouse dunha actividade con moita dificultade técnica para evitar impactos e impedir que afectase ao cauce fluvial. Á parte dos medios propios (traquin, cables, cordas, vehículos) contamos co apoio da brigada do Parque que achegou máis persoal e medios mecánicos.

6. Colaboración dos responsables e persoal do Parque

Sobre o proxecto e a súa posta en práctica mantivemos un contacto permanente coa dirección e persoal do Parque, que en todo momento mostraron a súa boa disposición e colaboración cando foi preciso pola afección á estrada e á circulación pola mesma.