Na mañá do 27/03/2019 desenvolveuse unha iniciativa, de carácter familiar e divulgativo, na que se incluíron divertidos xogos e un programa de actividades na horta de Quinín,en Redes.

Tratouse dunha xornada familiar para celebrar o Día da Árbore na que se pretendeu transmitir, aos nenos e maiores asistentes, a importancia das prantas e a necesidade de coidar e respectar o noso medio natural mediante as diversas actividades nas que os nenos e nenas, coa colaboración activa dos seus pais e nais, puidesen interactuar cos elementos naturais que os rodean diariamente e que, en moitos casos, pasan desapercibidos para eles.

Esta xonada contou cunha ampla participación de rapazas e rapaces e unha coidada organización por parte da Asociación Instrutiva de Caamouco e na que Betula achegou a súa colaboración nas diferentes fases, de acordo co convenio establecido coa AIC.

A xornada deu comezo ás 11 horas cun lixeiro orballo que non dificultou as tarefas e xogos, máis ben favoreceu que as tres froiteiras plantadas, coas que culminamos a dita xornada, medren vizosas e sexan testemuñas de amor á terra polas xeracións máis novas.

Para rematar a Festa puidemos degustar uns pinchos elaborados con produtos de tempada presentes nas nosas hortas dos que disfrutaron todas as persoas que asistiron a esta xornada e un rato de xogo libre para toda a rapazada.