Vistas as previsións meteorolóxicas adversas para a xornada do sábado 19, a Xunta Directiva considera prudente adiar o programa de convivencia.
Trasládase coas mesmas características de horario, cota e actividades ao 27/10/19. As previsións para esa data son boas polo que agardamos represente un motivo máis para gozarmos do día. As persoas xa inscritas non precisan renovar, agás que desexen darse de baixa, o que cómpre comunicar.

O vindeiro 27 de outubro de 2019 a Asociación para a Custodia do Bosque
Atlántico BETULA organizará una nova xornada de convivencia e amizade
á que estades convidad@s e á que tamén poderán asistir familiares e
simpatizantes.

Nesta III xeira pasaremos o día no val do río Belelle (Neda),
desenvolvendo o programa que vos achegamos:

  • A hora de encontro será ás 10:30 h. na área recreativa de Maciñeira, a
    carón do río Belelle (estrada do Roxal). De seguido comezará un roteiro á beira do Belelle ata a Fervenza ( de máis de 45 m. de altura), con visita á finca conveniada con Andrés Santalla. Un percorrido duns 4 Km. de longo e dificultade media.
  • Á volta encontro coa sociedade micolóxica Viriato no muíño do Belelle, con breve explicación sobre o mundo dos cogomelos.
  • Ás 14:00 h. achegarémonos ao pavillón polideportivo do Roxal, onde
    organizamos o xantar de convivencia compartindo as viandas de cada quen no xantar comunitario. A Asociación colaborará con empanada, sobremesa e licores.
  • Ás 15:30 h. farase unha proxección de “Os camiños senlleiros”, da autoría de Maricarmen Tapia, sobre as actividades de Betula. Seguirá un remuíño de ideas, opinións e propostas sobre o pasado, presente e futuro de Betula, que agardamos produtivo para potenciar a nosa asociación e implicar máis persoas na dinámica da mesma.

Para todas aquelas persoas que vaian participar no roteiro será necesario
inscribirse, vía e-mail en custodia.betula@gmail.com ou no tlf. 651884692
(Xavi), facilitando o nome completo e DNI para podermos tramitar o
seguro correspondente.

Contamos con vós.