Dende hai varios meses vense producindo unha considerable alarma social motivada polos proxectos de instalación indiscriminada de macroeólicos en diferentes espazos naturais de Galicia. A envergadura destas estruturas de 250 m de altura, provoca impactos irreversibles na paisaxe, na flora, na fauna e no patrimonio arqueolóxico e etnográfico. Tamén na vida, economía e saúde das comunidades do rural, xa memadas por outras circunstacias.
A Asociación Betula de custodia do territorio non pode permanecer indiferente ante esta agresión especulativa ao medio natural amparada nunha falsa transición enerxética. Necesitamos enerxías limpas, pero non así.
Á parte das alegacións masivas que se están a presentar, varias asosciación e plataformas convocan unha concentración en Caaveiro, nas Fragas do Eume, o vindeiro 5 de setembro, ás 12:30 h. para facer visible este rexeitamento aos proxectos en marcha.
Betula, con moito esforzo, conseguiu adquirir en propiedade máis de 14 ha. nas Fragas do Eume, que trata de conservar e mellorar. Por iso se suma á convocatoria e te convida, como soci@ sensible pola conservación do patrimonio natural, a achegarte nesa xornada e contribuír coa túa presenza a evitar unha nova degradación deste extraordinario espazo.
Dende a Directiva non dubidamos en contar coa túa colaboración.
As persoas participantes deberán achegar nome, apelidos, DNI e Tel. a Lan (605355650) para organizar a xornada e cumprir co protocolo Covid. Os menores irán acompañados de adulto. Data límite para apuntarse 3/09/21, ás 14:00 h.
O lugar de encontro será o Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h. Feito o reconto, dende alí accederemos en vehículos á zona de Fornelos (onde Betula ten propiedades) e logo faremos o último tramo (uns 3 km.) camiñando ata o Mosteiro para encontrármonos cos restantes participantes.