A Brigada deseucaliptizadora acodeu esta vez ao monte do Calexón (Valón – Ferrol) para dar continuidade aos traballos realizados no 2019.
Esta foi unha nova xornada de voluntariado ambiental celebrada o pasado xaneiro de 2020 e na que participaron varios membros da Asociación BETULA.
A intervención das voluntarias da Brigada deseucaliptizadora tiña como obxectivo a restauración dunhas terras previamente explotadas polo monocultivo do eucalipto nas que logo de proceder á súa deseucaliptización, agora, chegou o momento para a reforestación con especies caducifolias autóctonas para a cal se procedeu á plantación duns 300 exemplares deste tipo de especies (carballos, bidueiras, castiñeiras,..). Esta actuación permitirá recuperar a biodiversidade deste monte e o equilibrio natural que antigamente tiña.
Aquí vos deixamos un enlace para que vexades un vídeo sobre esta xornada. Agardamos que vos pareza interesante e que vos apuntedes á próxima xornada coas brigadas deseucaliptizadoras.