A Horta de Quinín, xestionada pola Agrupación Instrutiva de Caamouco e a Asociación Betula, lanza a súa primeira proposta formativa: “A primeira horta de Quinín”. A actividade pretende dar a coñecer o horto, identificar especies e aprender as súas necesidades básicas. A iniciativa está pensada para nenos e maiores, coa intención de que os pequenos poidan ir acompañados dos seus pais e nais e, así, aprender xuntos. Calquera adulto que o desexe, pode participar no obradoiro sen necesidade de vir acompañado de ningún neno.
No curso, danse a coñecer os principais segredos que agocha a horta e se amosan todos os pasos a seguir para un correcto cultivo do terreo. No caso dos nenos, a actividade serve ademais, para, coñecer a contorna na que viven e mesmo a orixe de moitos alimentos. Ao mesmo tempo, nas primeiras sesións do obradoiro crearanse varias instalacións auxiliares: un composteiro, un hotel para insectos ou espantallos.
No obradoiro desenvolveranse, paso a paso, os distintos procesos que vive a terra ata a obtención do produto final. A mestra encargada da actividade ensinará ás persoas que participen como se debe organizar o terreo e os factores que inflúen no cultivo, como o clima, o solo ou a súa orientación. Levarase a cabo un proceso de sementeira e plantación, coa elección das especies e variedades máis axeitadas, explicando tamén os procesos de rotacións e asociacións de cultivos.
A medida que a plantación vaia medrando, nas clases teórico-prácticas, afondarase nas técnicas de cultivos máis respectuosas coa natureza, xunto cun control fitosanitario das principais pragas ou enfermidades que poden afectar ás plantas, mediante técnicas ecolóxicas.
Nas primeiras sesións do obradoiro, ademais de levar a cabo a planificación do horto, crearanse varias instalacións auxiliares: un composteiro, un hotel para insectos, espantallos e a creación dun pequeno sistema de rego.
Para asegurar unha metodoloxía activa e participativa o obradoiro estará composto dun máximo de 20 persoas. Para participar na actividade non son precisos coñecementos previos.
– Prezo: 10 euros (adultos) / 5 euros (menores, ata os 12 anos)
– Material necesario: roupa e calzado axeitados, luvas, sacho (se se dispón del na casa)
– Horario: segundo e cuarto sábado de cada mes (marzo a xuño).