Betula vén de aprobar na asemblea xeral anual o plano de actividades 2018. Unha vez superado o duro, pero necesario, inverno, damos a coñecer o programa a desenvolver nesta primavera.
Coorganización do obradoiro de técnicas agrícolas na Horta de Quinín.
Xa está en marcha o obradoiro de técnicas agrícolas sustentables que se realiza os sábados (de marzo a xuño) na Horta de Quinín. En colaboración coa sociedade A Tenencia promoveuse esta actividade co obxectivo de darlle funcionalidade a este espazo periurbano, promover actividades hortícolas e favorecer a participación en tarefas colectivas na localidade. A boa acollida que tivo anima a darlle continuidade e comezar novas iniciativas que poñan en valor este espazo.
Colaboración no plan de rexeneración do río Baa.
A asociación Betula xa hai anos que realiza tarefas de limpeza e control da calidade das augas do Baa, así como informes sobre a súa situación e posibles actuacións rexeneradoras. Recentemente os concellos polos que discorre semella que están a tomar conciencia do seu valor ambiental e outras moitas potencialidades, polo que persoal da asociación está a colaborar cos técnicos medioambientais co fin de que se produza a rexeneración e preservación que este entorno fluvial merece.
Relatorio-presentación na sede do Grupo Naturalista Hábitat, A Coruña.
O vindeiro 25/04/18 vai ter lugar un acto de presentación de Betula nos locais do Grupo Naturalista Hábitat, rúa Camariñas, 8, baixo, na Coruña. Consistirá nun relatorio co título de “Betula, un compromiso co bosque atlántico”, seguido dun coloquio. A sesión dará comezo ás 20:30 h.
Roteiro “As Fragas do Eume, refuxio guerrilleiro”.
Outra das actividades que se prevén para esta primavera é unha xornada de “mergullo nas Fragas”. Baixo o título “As Fagas do Eume, refuxio Gerrilleiro” farase en data a concretar unha charla de contextualización histórica no Centro de Acollida de Visitantes de Hombre, seguida dun roteiro pola fraga ata o refuxio de Suapena.
Control biolóxico da calidade das augas do río Baa cos nenos do CEIP Os Casais, Maniños.
Na primiera quincena de maio Betula vai desenvolver unha xornada de control biolóxico da calidade das augas do río Baa. Dá continuidade á colaboración no Proxecto Ríos, coordinado por Adega e nesta ocasión participará profesorado e alumnado do colexio Os Casais, onde se fará unha breve presentación.
Proxecto “ A cultura da castaña nas Fragas do Eume”.
Outro dos proxectos que se está a xestionar por parte da asociación vai na liña da posta en valor das Fragas dende o eido natural e cultural. Baixo o título de “A cultura da castaña nas Fragas do Eume” tentamos sinalizar un roteiro e restaurar unha curripa existente na nosa parcela. O desenvolvemento deste proxecto tamén inclúe repoboación con castiñeiros e edición de diverso material para os centros educativos da zona.