O pasado Xoves día 1 de febreiro de 2024 Betula, xunto con outras moitas asociacións do concello de Fene, participou no programa de Radio Fusión “As Nosas Rías Onda ODS Empeza por ti” emitido dende a antiga escola de Limodre.
O proxecto ONDA ODS Empeza por ti, é un programa liderado polas Emisoras Andaluzas e no que participan as Emisoras Municipais Galegas, a Rede de Emisoras Comunitarias e as cataláns La Xarxa e RTV Cardedeu, que está a promover e difundir os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable recollidos na Axenda 2030 dende a súa rede de emisoras en todo o Estado.
O proxecto inclúe a emisión de programas de radio en directo nos que participan entidades, persoas individuais e institucións que teñen iniciativas que, dun xeito ou doutro, están a contribuír á consecución destes obxectivos. Este xoves 1 de febreiro realizouse a emisión dun destes programas, tres horas de emisión en directo no que se deron a coñecer os proxectos e actividades e experiencias nas que, cada quen no seu ámbito de actuación, están a desenvolver para acadar os obxectivos da Axenda 2030.
As rías, tan importantes no desenvolvemento social e económico de Galicia e os retos de Onda ODS foron o fío condutor dun programa especial no que se falou das escolas indianas e a emigración, a capacidade do movemento asociativo para recuperar e poñer en valor a historia, o patrimonio e as tradicións das nosas comunidades.
A importancia dunha Educación de calidade, un dos principais ODS establecidos por Nacións Unidas, puido visibilizarse a través dos proxectos que o propio alumnado do Colexio Os Casais de Maniños partillou coa audiencia.
O punto central do programa foi o adicado á importancia do coidado do mar, desas rías que focalizaron os contidos de programa, o papel fundamental do bo estado de saúde da rede hídrica e as súas repercusión na calidade do auga, centraron unha parte do programa. O profesor da USC Xosé Lois Otero aportou solucións sobre un dos problemas estruturais do noso territorio, unha rede de saneamento ben trazada para minimizar, se non evitar, os problemas dos residuos humanos e animais que afectan á calidade do auga dispoñible.
A Asociación Betula tratou o tema da conservación e restauración dos hábitats tanto terrestres como mariños nos que está a traballar e abondou nos problemas que están a vivir as nosas rías, a degradación e destrución dos nosos hábitats, a reacción en cadea que os danos nestes hábitats producen noutros, pois a natureza non ten apartados estancos.
Do mesmo xeito, dende a asociación Betula, apuntamos que a solución aos problemas ambientais e ao cambio climático non só pasan pola concienciación senón que é preciso, ademais, a sensibilización e a educación das novas xeracións así como a reeducación das xeracións máis vellas.
Moitos temas quedaron no tinteiro pero moita información, propostas e iniciativas motivadoras e exemplificadoras partilláronse a través da rede de Emisoras Galegas que compartiron o programa.