Este xoves 5 de maio @s voluntari@s de campo de Betula, votámonos ao monte en busca dos marcos da parcela que nos donou Quico en Montefaro.
O tiñamos doado porque anteriormente o propietario xa os marcara cuns postes amarelos… mais en Galicia o monte todo o agocha e alí nos metimos entre fentos que empezaban a agromar e toxos que empezan a picar, nótase máis ao día seguinte cando as pernas son un cadro de pinceladas vermellas.
Pero iso non é nada cando tres bravos voluntarios (dous e unha mellor falado) se adentran na espesura e son quen de atopar os 4 marcos que delimitan a parcela.
Axudados polas novas tecnoloxías para non desviarse do rumbo, chegamos ata o final da parcela xa casi no miradoiro da bailadora.
O noso inxeneiro utilizou diversos trebellos para orientarnos hacia os marcos, é unha maravilla contar con tantos especialistas na nosa asociación.
Esta xornada encádrase dentro do Proxecto de mellora ambiental, paisaxística e da biodiversidade no monte de Montefaro financiada polo programa de axudas a entidades sen fins de lucro convocado pola Deputación da Coruña para as actividades realizadas no ano 2022.