A Asociación para a custodia do bosque atlántico, Betula manifesta o seu pesar polos acontecementos derivados da vaga de lumes dos últimos días e expresa a súa solidariedade coas familias e achegados das vítimas e cos demais afectados por esta catástrofe.
Dende Betula entendemos que outro modelo de xestión do monte é posible, establecendo un modelo multiescalar e multifuncional, e reducindo a superficie ocupada polos monocultivos, nomeadamente eucaliptais.
As políticas públicas deben incidir na planificación e ordenación do territorio como ferramentas ao servizo da cidadanía o que implica a protección do patrimonio natural e cultural como unha prioridade absoluta.
A nosa asociación, como entidade centrada na custodia do territorio, traballa a prol dun modelo no que a sustentabilidade sexa un eixo fundamental no modelo de vida.
Solicitamos unha fonda reflexión colectiva en relación aos dramáticos feitos acontecidos nos últimos días e, en xeral, a unha problemática como son os lumes forestais xa sistémica no noso territorio.
Lumes nunca máis!
Xunta directiva da Asociación para a custodia do bosque atlántico, Betula.
Ferrolterra, 17 de outubro de 2017.