Non, Betula non estivo de vacacións durante o mes de agosto, as actividades desenvolvidas foron múltiples e diversas.
Se cadra a maior parte dos nosos esforzos centráronse en Montefaro e na finca que a asociación ten en propiedade trala cesión por parte de Quico de Cervás.
Comezamos cunha labor ás veces frustrante como é a de achar os marcos da parcela; por sorte contamos con expertos rastradores…
Tras ter delimitada a parcela, fixemos unha primeira inspección para analizar o estado biolóxico da mesma. Comprobamos que está a rexenerar de forma natural bastante ben atopando pequenos castiñeiros, carballos, sanguiños, pereiras bravas entre os gromos de eucalipto.
A parcela está encravada nun lugar inmellorable ao pé da batería da Bailadora no concello de Ares. As vistas de Ferrolterra son únicas dende esta localización, unha mágoa que os eucaliptos non as deixen ver pero aquí é onde entramos nós!
