Un dos proxectos nos que Betula participa é a Custodia de ríos, que é unha iniciativa promovida por ADEGA (Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza) de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos.
O Proxecto Ríos é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
A X Limpeza Simultánea de Ríos, que ten por lema “Móllate polos ríos”,. realizouse no ano 2017 en 51 concellos de toda Galiza, e coa coordinación dun total de 70 entidades (asociacións, comunidades de montes, colectivos ecoloxistas, delegacións de ADEGA, centros de ensino…) fíxose a limpeza en 52 treitos de río.
Algúns destes grupos xa participaron nas limpezas de anos pasados e outros son grupos participantes no Proxecto Ríos. Tamén hai novas entidades que se sumaron por primeira vez a esta novena edición.
Este ano, para conmemorar a X limpeza simultánea de Ríos, dende a Asociación Betula decidimos facer esta actividade cos nen@s do CEIP Os Casais de Maniños, no concello de Fene, na que participamos un total de 60 persoas.
Esta actividade celebrámola o día 28 de setembro, e consistíu na realización dunha saída ao Río Baa, que se atopa ao pé do colexio, e levar a cabo unha limpeza dos refugallos depositados na cunca do mesmo.
Previo á saída, na mesma xornada, démoslles aos nen@s unha breve charla explicativa sobre os ecosistemas fluviais e a súa contorna, o seu valor e a problemática da contaminación.
Os obxectivos que se pretendían acadar con esta proposta son:
Lograr a sensibilización da sociedade dende unha temperá idade do valor dos nosos ríos.
Concienciar aos nen@s do dano que se pode causar co simple feito de tirar un plástico na natureza.
Fortalecer o vínculo dos nen@s coa súa contorna inmediata.
Consideramos un éxito a xornada de hoxe pois os nen@s, ademais de pasar unha xornada divertida, implicaronse nos traballos de limpeza e conseguiron eliminar do río uns 100 quilos de refugallo. Entre outras cousas, recollimos ferralla, vidro, plásticos de diversos tipos e material de construción tal como ladrillos, azulexos ou chapas.
Para mais información sobre o Proxecto Ríos: http://limpeza.proxectorios.org/