Este domingo, 30 de setembro, participamos na xornada de limpeza de ríos.
Escollimos o derradeiro treito do Río Castro ou Río Dana, como se coñece este río noutras zonas do mesmo.
Trátase dun río que está cheo de muíños de auga e, na súa desembocadura incluso podemos atopar as ruínas dun antigo muiño de mareas.
Tal e como diciamos na presentación da xornada, malia a crecente implicacioón de parte da sociedade nunha xestión adecuada dos residuos producidos polo home, aínda existen persoas que entenden os ríos como un vertedoiro, cousa que confirmamos un ano mais nesta xornada de Limpeza que levamos a cabo, esta vez, no Río Castro (en Limodre, no Concello de Fene).
Comezamos a xornada no punto de encontro, no edificio da escola de Limodre, ás 10:30 horas e ás 11 nos desplazamos á desmbocadura do Río Castro para comezar a xornada de limpeza.
A xornada transcorreu sen ningunha incidencia e conseguimos recoller do río unha boa cantidade de lixo, de entre o que se atopaban pilas, cascallos de obras e vidros, ferralla,….. e, o máis salientable e voluminoso; unha morea de restos de cordas de bateas ou incluso unha nasa.
Non levamos unha pesa, pero é moi probable que conseguisemos sacar do río mais de 400 quilos de refugallo.