O vindeiro día 11 de nadal Betula vai participar na xornada de oposición aos proxectos indiscriminados de instalacións industriais de macroeólicos en zonas de moito valor ambiental e paisaxístico ao longo da xeografía galega, eufemisticamente disfrazados co nome de “parques eólicos”.

Estas instalacións representan unha enorme afección ao territorio, non só pola propia instalación, senón polas vías de acceso requiridas, polas liñas eléctricas de evacuación, pola alteración do sistema hídrico e pola poligonal que establece limitacións sobre amplas zonas do territorio.

 Porén, apelamos á conciencia ambiental de toda a veciñanza para que se manifesten activos contra estes proxectos especulativos de multinacionais que pouco teñen que ver coa promoción de enerxías renovables para as comunidades locais.

Con estas actuacións tamén se persegue sensibilizar ás administracións para que corrixan a súa actitude de apoio activo aos macroproxectos e modifiquen unha lexislación que deixa en desamparo á cidadanía en favor dos grandes monopolios enerxéticos.