Dende o pasado 12 de decembro contamos cunhas novas parcelas en propiedade, un monte de 1,7 hectáreas, é dicir 17.000 m2 ou 31 ferrados.
A adquisición destas novas terras para que Betula as podia custodiar non sería posible sen a colaboración tanto de socios e simpatizantes, que colaboraron connosco na adquisición, como da Deputación da Coruña que, mediante a convocatoria do programa de axudas a entidades sen fins de lucro para o cofinanciamento de proxectos de investimentos no ámbito do medio ambiente durante o 2023, concedemos unha axuda para poder mercar tres novas fincas no Parque Natural das Fragas do Eume.
Non é nada doado para BETULA mercar terreos de monte pois, ademais do desembolso maior ou menor que facemos (precisamos moitas socias e socios), hai un traballo previo:
– Contactar con posibles vendedores.
– Comprobar as escrituras de propiedade.
– Identificar a finca no Catastro.
– Valorar pendente e accesos.
– Visitala recoñecendo lindeiros e marcos e estudando o seu valor natural e paisaxístico actual e as posibilidades de mellora, etc.
Todo este labor foi facilitado por unha persoa moi querida en BETULA recentemente falecida, estamos a falar do noso amigo Nemesio Alvariño Espiñeira ao que nunca esqueceremos.
O monte adquirido pola asociación está cerca da aldea de As Leguas, no concello de Monfero e dentro do Parque Natural das Fragas do Eume.
É de pendente moderada e ten varios accesos, un deles moi bo, apto para visitas de todas e todos de calquera idade.
A sua vexetación actual é de gromos altos e grosos de eucalipto aínda que conta con algún rexenerado natural de carballos, abeleiras e outras especies.
O obxectivo inicial de BETULA é transformalo en fraga cortando estes eucaliptos e despois anulando os cepos cun tractor equipado con rozadoira de martelos fixos, respetando sempreo rexenerado natural.
Barallamos a posibilidade dunha futura plantación de bosque atlántico mixto con distintas frondosas autóctonas como carballos, bidueiros, castiñeiros, pradairos, algún freixo, etc. Tamén cerdeiras bravas, abeleiras, pereiras bravas, acibros, teixos e na orla do bosque abruñeiros, estripeiros e algún érbedo co obxectivo de mellorar o ecosistema da fauna autóctona.
Por último destacar a impresionante vista do canón do parque que nos agarda trala eliminación dos eucaliptos.
IMPRESIONANTE, NON SI?
De seguro que queres colaborar con nós facendote soci@ por tan só 15€/ano!