A Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico Betula súmase ás mobilizacións pola defensa do clima.

O vindeiro 27 de setembro terá lugar a Folga Mundial polo Clima convocada polo colectivo Xuventude polo Clima – Fridays for Future seguindo as mobilizacións que se realizarán noutras cidades galegas e do mundo. A iniciativa esixe a declaración, por parte das diferentes institucións, do estado de Emerxencia Climática  e a adopción urxente de diferentes medidas para combater e contrarrestar os efectos do cambio climático.

Esta convocatoria está organizada polo colectivo

Movemento Galego polo Clima

do que formamos parte, apoiando e participando na organización de todas as accións e actividades polo Clima que se van desenvolver nas distintas localidades galegas do 20 ao 27 de setembro

O Movemento Galego polo Clima xorde en Galiza froito da vontade de diferentes asociacións ecoloxistas e sociais como resposta á convocatoria de mobilización mundial feita polo movemento xuvenil Fridays For Future (Venres por Un Futuro) para o vindeiro 27 de setembro, co obxectivo de saír á rúa a reclamar accións urxentes que fagan fronte á mudanza climática e que garantan un futuro para as xeracións máis novas.

Este Movemento está conformado por mais de 70 entidades e colectivos galegos que apoian o chamado de acción da xente nova ante a situación de Emerxencia Climática que vive o planeta enteiro, e particularmente Galiza. É por iso que temos intención de afrontar este reto tendo presente cales son as causas que máis están alentando o quecemento global no noso país e cales son as medidas que poderían evitar as consecuencias drásticas para o noso territorio e para o pobo galego no seu conxunto.

Deste xeito, a convocatoria de dita folga en Galiza, vai acompañada dun manifesto galego que foi redactado en consenso e asinado polas diferentes asociacións implicadas.

Dende Betula sumámonos e apoiamos o manifesto e as mobilizacións mundiais convocadas entre os días 20 e 27 de Setembro en todo o planeta.