O pasado sábado 17 de febreiro Betula realizou unha plantación de arbores autóctonas nunha das parcelas en custodia que a asociación ten no lugar de Marraxón no concello de Fene en colaboración coa Deputación da Coruña.

Un emplazamiento espectacular en pleno canón do río Belelle propiedade de Carlos, socio e colaborador, que tamén estivo con nós durante toda a xornada.

Nos días previos, o traballo comezou cunha roza de toxeira que ocupaba a maior parte do terreo a prantar.

Posteriormente realizáronse os buratos na terra con axuda da afoxadora mecánica e un grupo de socios voluntarios, sempre en pé de guerra, sobre un terreo complicado pola abundancia de pedras.

O sábado amenceu cun día espectacular e os nosos incribles voluntarios foron chegando ao punto de encontro dispostos, coma sempre, a poñer o seu grao de area en defensa do patrimonio do noso país.

Tras unha pequena charla didáctica efectuada pola incansable Luisa, o grupo púxose en marcha; Carballos, Bidueiros, Castiñeiros ou Acivros comezaban a ter o seu lugar no mundo. Unhas árbores de calidade procedentes en parte do Viveiro Ribeirao no concello de Monfero.

Nesta ocasión contamos coa colaboración da fundación LifeTerra, unha entidade a nivel europeo que tras coñecernos interesouse polo noso proxecto cedéndonos unha centena de árbores para o seu posterior seguemento e apadriñamento. Agardamos atoparmos máis veces no camiño!!

Un dos traballos máis complicados foi a colocación dos titores pola presencia de pedras e polo tamaño dos mesmos.

Un traballo de dez dos nosos voluntarios con máis de 200 árboles de diferentes especies prantados nun lugar de especial valor ecolóxico,  unha xornada que non podía rematar de outra maneira que non fose cun xantar no local de Betula en Maniños.

GRAZAS POR FACELO POSIBLE!!!