Aínda que abondosamente chuvioso, neste pasado outono de 2025 e inverno de 2026 a Asociación acometeu varias plantacións para reforestar parcelas custodiadas nos concellos de Fene, Mugardos, Ares e Monfero.

Estas tarefas comezaron en novembro coa preparación dalgúns dos terreos, previamente desbrozados de matogueira e eucaliptos, nos que se fixeron foxos ou buratos ben mediante maquinaria (afoxadora ou pa de tractor) ben manualmente. Nas parcelas do Lodairo e A Gallada, ambas as dúas en Mugardos, sinalizáronse convenientemente os puntos onde o tractorista contratado interviría con maquinaria para realizar o foxo, de xeito que se trasladou ao terreo, mediante cordel e spray sinalizador, o plano de distribución das árbores que se plantarían pouco despois.

Coa afoxadora traballou o alumnado do Ciclo de FP Aproveitamento e Conservación do Medio Natural do IES de Mugardos, co que a Asociación colabora. Estes acudiron a Boado, en Mugardos, onde se custodia un ameneiral e unha parcela anexa e onde máis adiante, en febreiro, se plantaron 36 árbores (castiñeiros, ameixeiras e cerdeiras). Nesta plantación contouse ademais coa colaboración de Pepe Bouso, da Asociación Micolóxica Viriato, que aportou o seu saber e medios para facer unha práctica de micorrización das árbores.

Elaboración de foxos co alumnado do IES de Mugardos (Boado, Mugardos, 20 de novembro)

Coa excepción da anterior e da que realizou unha empresa especializada en traballos forestais en As Leguas (Monfero), onde se plantaron máis de 300 árbores, nas intervencións participaron soci@s e voluntariado. O maior número interviu no Lodairo (Mugardos), onde traballadores de Leroy Merlin de Ferrol, en virtude da colaboración entre a Asociación e a Sociedade Galega de Historia Natural, plantaron en torno a 100 árbores. Mencionamos esas intervencións -cronoloxicamente ordenadas- a continuación:

  • Xaneiro de 2026:

    • 9 de xaneiro: parcela de As Leguas (Monfero), 291 árbores (castiñeiros, carballos, acivros e bidueiros).

    • 11 de xaneiro: Chao das Pozas (Monte Marraxón, Fene), 27 árbores (25 bidueiros e 3 freixos

    • 18 de xaneiro: A Gallada (Mugardos), 73 árbores (castiñeiros, bidueiros, cerdeiras e carballos).

Traballos de sinalización previos á intervención de maquinaria para facer os foxos (A Gallada, Mugardos, 10 de decembro)

  • Febreiro de 2026:
    • 12 de febreiro: ameneiral de Boado (Mugardos); o alumnado Aproveitamento e Conservación do Medio Natural de FP do IES de Mugardos planta 36 árbores (castiñeiros, ameixeiras e cerdeiras).
    • 22 de febreiro: Lodairo (Mugardos), soci@s e voluntariado de Leroy Merlin plantan 100 árbores (carballos e castiñeiros sustancialmente).
Soci@s e voluntariado de Leroy Merlin no Lodairo, Mugardos (22 de febreiro)

  • Marzo de 2026:
    • 1 de marzo: parcela en As Leguas (Monfero), plantación de carballos, castiñeiros e bidueiros

    • 8 de marzo: Redes (Ares), plantación de carballos e castiñeiros.