Programa de Voluntariado Interxeracional (23 de setembro-7 de outubro)
Do 23 de setembro ao 3 de outubro a Asociación participou no Programa de Voluntariado Interxeracional Voluntarios do Grupo Compostela de Universidades co Patrimonio nos Bosques de Galicia. Colaboraron tamén as entidades Euroeume, Grupo Naturalista Hábitat, Rural-C e o Concello de Monfero.
Presentación do Programa de Voluntariado na sede da Asociación en Limodre.
O programa estivo patrocinado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado, á súa vez, pola Unión Europea-Next Generation.
Realizáronse accións de voluntariado á vez que se ofreceu formación no eido medioambiental, agroalimentario e do patrimonio material e inmaterial, de xeito que participantes de distintas idade e poñentes puxesen en común os seus coñecementos.
Charla da secretaria da Asociación, Luísa Montero, aos participantes no roteiro polas Fragas do Eume (27 de setembro).
A nosa Asociación centrou a súas actividades na divulgación do labor de custodia do territorio, especialmente nas Fragas do Eume. Por iso se deseñaron, entre outras, as accións de recolección de froitos do bosque atlántico e o seu posterior sementado nunha parcela en propiedade no lugar de As Leguas, en Monfero; a identificación de puntos chave para a ubicación de estacións meteorolóxicas que fornezan datos sobre climatoloxía; nocións básicas para a interpretación de mapas topográficos; restauración dunha curripa; e obradoiro de construcción de colledoiras de ourizos de castañas segundo a tradición oral da veciñanza das Fragas.
Roteiro divulgativo polas Fragas do Eume (27 de setembro).
As outras entidades participantes conduciron accións tales como a inspección dun treito de río en Monfero, preto do CPI Virxe da Cela, para valorar o estado das zonas fluviais (Euroeume); a busca e catalogación da fauna local como indicador biolóxico (Grupo Nturalista Hábitat); a identificación de patrimonio material (petróglifos) e patrimonio inmaterial relacionado cos bosques, e técnicas do fototrampeo (Rural-C).
Intervención de César Martínez, membro da Asociación, sobre os valores das Fragas.
Entrevista aos membros da Asociación Luísa Montero e Andrés Santalla, e á secretaria do Grupo Compostela, Teresa Carballeira, sobre o Programa Interxeracional en Crónica de Galicia (15/10/25) de Radio Nacional (RNE):