Ao mes e pouco de facer o noso último roteiro a finais de xaneiro, parte da directiva de Betula volveu ás Fragas, desta vez acompañados da nosa socia Fina Fernández, investigadora ao longo de máis de corenta anos no Centro de Investigación Forestal de Lourizán e experta en flora autóctona e variedades locais de castiñeiros.

A intención era inspeccionar a última parcela que adquiriu a asociación, situada entre as coñecidas como Vello de Vite e Louredal, que xunto con outras próximas ao lugar de As Leguas (Monfero) conforman un conxunto de parcelas case conectadas entre si que descenden polas abas do noreste da Serra de Queixeiro.


Botamos a camiñar, pois, desde a ponte de Santa Cristina polo sendeiro que discorre paralelo ao río Eume cara á Central da Ventureira, e antes de chegar á confluencia do rego da Vaca co Eume a primavera saíunos ao paso inevitablemente nos narcisos (Narcissus triandrus) dereitiños que naceran nos noiros do camiño. Non sei se para todos os camiñantes, pero cando menos para algúns de nós eran os primeiros que observaban na veciñanza desta primavera. E aos narcisos acompañábanos tamén polos noiros as prímulas (Primula acaulis) e as violetas (Viola riviniana) e, nos lugares máis sombríos e húmidos, inconfundibles polo seu maxestoso porte, exemplares do fento Woodwardia radicans.

Aínda que máis pequeno e agochado baixo o dosel arbóreo, tamén chamaba a atención polos seus froitos de vermello intenso o arbustiño da xilbardeira (Ruscus aculeatus)… E non podemos esquecer a visión do cormorán grande (Phalacrocorax carbo) espreitando as augas desde un rochedo no medio do río antes de somerxerse nel, quizais receoso de nós, os observadores.


A inspección da parcela en cuestión tiña como obxectivo a comprobación por parte de Fina Fernández da existencia de castiñeiros enxertados antigamente polos poboadores das Fragas, mais constatouse a desaparición deses exemplares. Hoxe só permanecen no bosque algunhas cañotas e curripas, testemuñas dun pasado no que a produción dos castiñeiros daba para alimentar as xentes do bosque, tal e como nos contou o neto dun destes homes cuxo avó, de As Leguas, o levaba nos anos 70 ao monte a recoller castañas. Afeito aos fortes desniveis do terreo e ao traballo duro nun medio que o esixía, o avó era quen de volver ascendendo cargado cun saco ben cheo, que botaba ás costas e que sostiña mediante cintas á cabeza. unha proeza…

E, ao fío do asunto das especies arbóreas, no camiño de volta Fina Fernández falou da abundante presencia do lamigueiro (Ulmus glabra) nas Fragas hai décadas. Os exemplares que se observan actualmente próximos ao mosteiro non son, segundo ela, exemplares illados, senón exemplares dunha verdadeira poboación que non se viu afectada pola grafiose. O lamigueiro destaca pola súa floración, que á forza debe poder verse mellor nas fotografías aéreas. A miúdo esquecida, aínda que non de menor importancia para o relativo á conservación das especies autóctonas, é a presenza da cerdeira brava (Prunus avium), abundantemente espallada neste bosque caducifolio.


Finalmente, Fina Fernández explicou que este é un bosque antigo moi “tocado e manipulado” pola intervención do home, pero que conserva especies que levan décadas “asilvestrándose”, feito que favorece o desenvolvemento de certas poboacións de especies que resultan de indubidábel interés desde a óptica da conservación, por moito que haxa outros aspectos neste eido dos que cabe lamentarse. O roteiro deu para moito máis do que aquí levamos exposto, pero ser comedido é virtude, así que nos despedimos coa confianza de que en próximos roteiros agromarán reflexións e inquedanzas en igual medida…