Un ano máis imos celebrar a XUNTANZA DE CONVIVENCIA de socios, socias e simpatizantes.
Segundo acordo da Xunta Directiva, terá lugar o vindeiro XOVES 1/08/2024, agardando que resulte do voso interese, nos permita compartir un tempo de lecer e reforzar ese compromiso medioambiental que nos ocupa e preocupa.
Establecemos unha cota de participación de 6 €/socio e 10 €/non socio para contribuír aos diferentes gastos da xornada. Os menores de 12 anos, de balde.
Á parte da contribución de Betula para o xantar con liscos, bebidas, sobremesa e café, pódense achegar outras elaboracións para degustar entre os asistentes.
A efectos de organización, é necesario confirmar a participación no roteiro previo ao xantar que imos realizar polas terras do Seixo; inscrición que terá como data límite o 29/07/2024. Este roteiro tén como obxectivo dar a coñecer un humedal, propiedade de Betula por recente doazón, que ofrece moitas posibilidades de actividades ambientais que se comentarán in situ.
Asemade, cómpre sinalar posibles intolerancias alimentarias e persoas veganas que precisen menú específico.
As instalacións de Betula na antiga escola da Armada, Maniños (Fene) serán o lugar onde se desenvolverá o programa que se achega.
PROGRAMA: 1/08/2024
10:30 h. Encontro no local social da Armada, Maniños.
10:45 h. Roteiro: A Armada-Ameneiral de Boado-Volta ao local social.
5 Km. Dificultade baixa.
(Condicionado á situación meteorolóxica)
13:30 h. Resumo actividades 2024. Propostas e voluntariado.
14:30 – 15:00 h. Xantar: Liscos, bebidas, sobremesa e café.
Ofreceranse petiscos para compartir.
16:00 h. Karaoke se vos animades.
Con esta xornada queremos agradecer a participación desinteresada de voluntarios e voluntarias nas diferentes tarefas programadas. Tamén aos doantes e colaboradores que coa súa contribución reforzan a nosa Asociación e os obxectivos ambientais que a motivan.
Unha aperta.
A Directiva.