Roteiros Betula.
O día 5 de maio varios socios realizaron a exploración do roteiro dos refuxios dos guerrilleiros nas Fragas do Eume.

Accédese por unha pista forestal dende o lugar de Xabarís, en Suaserra, Cabanas. Despois dun percorrido duns 2 km., ao remate da mesma, séguese avanzando pola fraga uns 600 m. ata chegar á zona chamada O Xardín. Alí, preto do rego, atópanse os restos dun dos refuxios que lles serviron de acobillo na postguerra.

Prevese facer o roteiro o vindeiro 1/07/18, en horario de mañá. Contaremos coa colaboración documentada de Xosé Manuel Sardiña que achegará comentarios sobre o terreo.

O punto de encontro sitúase en Lavandeira, Cabanas, ás 10:00 h. (aparcadoiro do estanco). Reagrupados farase o desprazamento en vehículos ata Xabarís. Dende alí farase o resto do roteiro camiñando, uns 3 km. ata a zona do Xardín, nas Fragas. Dificultade media. Prevese o regreso a Lavandeira sobre as 14:00 h.

As inscripcións poden facerse ata o 25/06/18 no Tel. 605355650. Os menores deben ir acompañados.


Calidade das augas.

Xa hai varios anos que Betula vén facendo o control periódico da calidade das augas do río Baa e tamén do río Castro, dentro do Proxecto Ríos, coordinado por ADEGA.

Nesta ocasión realizarase o control de diferentes parámetros e indicadores biolóxicos que achegan información sobre a situación no río Baa. Terá lugar, se o tempo o permite, o día 15/06/18, a partir das 11:00 h. na zona da Armada e realizarase en colaboración co CEIP Os Casais, de Maniños, co que a nosa asociación ten asinado un convenio de divulgación e concienciación medioambiental para o alumnado do centro.

Proxecto horta ecolóxica.
Dentro do convenio coa Agrupación Instructiva de Caamouco, membros de Betula seguen a participar no proxecto de rehabilitación da Horta de Quinín. Nesta fase, estase a promover a agricultura ecolóxica cun curso sobre diferentes técnicas respectuosas co medio natural. Dende marzo véñense realizando xornadas prácticas neste terreo que rematarán a finais de mes.

A cultura da castaña nas Fragas do Eume

Betula é titular de dúas fincas nas Fragas nas que vén traballando para eliminar especies invasoras e restaurar a vexetación autóctona.
Acadada a primeira fase, tentamos avanzar cunha nova iniciativa consistente en restaurar elementos etnográficos como a curripa e recuperar castiñeiros produtivos que constituíron a base de recursos alimentarios e doutro tipo no pasado. Coñecer eses usos ancestrales, onde a sustentabilidade non era unha opción consciente, senón unha necesidade vital, significa entender e camiñar cara a un proxecto de futuro para un entorno único que cómpre preservar.
Agardamos presentar de contado este proxecto participativo que servirá para concienciar dun tratamento respectuoso nun medio natural tan fráxil.

Novos convenios

Betula segue a formalizar novos convenios con titulares de terreos, con especial interese naqueles que precisen de conservación ou melloras medioambientais.
Neste senso o martes, 12/06/18, participaremos nun pequeño roteiro pola ribeira do Belelle para avaliar a posibilidade de asinar un convenio co titular dunha parcela forestal na zona do Roxal.