Neste comezo do 2020 Betula quere facer balanzo da actividade desenvolvida ao longo do 2019.

Así se acordou na primeira xuntanza da directiva celebrada o 3/01/2020. Para artellar o programa do 2020, que se presentara á asemblea xeral, cómpre coñecer o grao de cumprimento do programa anterior.

O 2019 foi un ano intenso no que se refire ao volume de actividades que se puideron acometer co esforzo dos membros da directiva e  a colaboración dun bo número de socios e socias.

Unha boa parte do programa desenvolveuse ao abeiro das convocatorias da Deputación Provincial da Coruña onde puidemos optar ao cofinanciamento do programa de investimentos e o de actividades. Estas achegas permitíronnos adquirir en propiedade unhas 7 ha. nas Fragas do Eume, co que garantimos a súa conservación a perpetuidade.

Asemade puidemos dotarnos de utillaxe, contratar un técnico para a elaboración de informes medioambientais e realizar charlas e roteiros divulgativos.

Tamén participamos en diferentes xornadas de deseucaliptización e divulgación ambiental, asesoramento a comunidades de montes, asinamos varios convenios de custodia con particulares e con comunidades de montes. Convenio co Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo para o reforzo da poboación de fentos relictos nas Fragas do Eume. Coordinación con outras 11 entidades do concello de Mugardos para desenvolver actividades medioambientais, como a xa realizada de retirada de refugallos da zona intermareal.

Realizáronse actividades de sensibilización ambiental na Horta de Quinín en colaboración coa Agrupación Instructiva de Caamouco, coa que temos establecido convenio de custodia.

Colaboracións con centros educativos e xestións con diferentes concellos da bisbarra de Ferrol para establecer colaboracións e acceder a un local social.

En definitiva, un ano de moito traballo no que puidemos dar un salto cualitativo na custodia ao poder dispoñer do cofinanciamento da Deputación para mercar terras de alto valor ambiental.