Prezadas socias e socios, prestade moita atención ao que vos imos pedir:

PRECISAMOS QUE VOS IMPLIQUEDES NA CUSTODIA: imos crear un grupo de Whatsapp de voluntarias/os que estén dispostas a vir ao monte a facer traballos forestais necesarios para conservar as parcelas que temos en propiedade ou en custodia.

Xa somos mais de 160 socias/os, i esperamos que vos animedes a botar unha man para levar adiante este magnífico proxecto do que todas/os formades parte dende o momento que vos fixéchedes socias/os de Betula.

Contámosvos un pouco en que consistirían eses traballos , para os que nunca participáchedes :

Para aqueles que vos consideredes cunha preparación física aceptable:

– Traballos en terreos de pendente superior ó 25% o que sendo menor teña moita irregularidad o moita bouza.

–  Anulación de cepos de eucaliptos con machado Poulansky ou machadas

– Rozas  manuais con fouciña e fouce, en sitios complicados ou donde haxa rexenerado pequeno.

– Rozas con rozadoira a motor

– Corte de gromos con machado común ou con fouce ou gataño

– Corte de gromos grandes ou eucaliptos espontáneos con motoserra.

– Cravado de postes tutores con mazo.

– Retirada de material pesado en limpeza de rios, etc.

– Cavado con laias e sachos de buratos para plantacións.

– Traballos de localización de marcos co  noso GPS ou trazado con brúxula de rumbos de lindeiros e a sua sinalización.

– Medición con cinta métrica de 50 m.

– Etc…

Todas/os os que entredes neste grupo, teriades un seguro de accidentes anual para participar nas xornadas as que acudades.

Para aqueles traballos que non se requira boa forma física:

-Limpeza de ríos e praias

-Roteiros divulgativos

-Xornadas de convivencia

-Etc…

– Convocaremos a todolas socias/os a través dunha convocatoria por correo.

Todas istas xornadas de traballo contan con un seguro de accidentes para tódalas persoas participantes, para o que fará falla unha inscripción previa a actividade, facilitando os datos persoais para facer dito seguro.

Pois agora que xa sabedes como vos podedes IMPLICAR NA CUSTODIA, só tedes que repostarnos a custodia.betula@gmail.com dándonos o voso nome e teléfono para facer entre todas/os o grupo de whatsapp e poder comunicarnos por esa canle para futuras actuacións.

Non deixedes de colaborar connosco, por moi pequena que sexa a vosa implicación……

PRECISAMOS DA VOSA AXUDA, NON O DUBIDES, APUNTATE XA.

VEMONOS NO MONTE…..MOI PRONTO (o sábado 17 temos traballo na Bailadora en Montefaro)