Este sábado 27 de abril pequenas e maiores teñen unha cita na Horta de Quinín, en Caamouco.

BETULA colabora coa Agrupación Instrutiva de Caamouco na organización da Festa da Horta, un evento educativo e de lecer co que se pretende dar vida á parcela e fomentar a implicación da veciñanza no seu desenvolvemento.

Trátase dunha xornada de carácter festivo e divulgativo dirixido a familias. Ao longo da mañá levaranse a cabo diversas actividades  e xogos en familia nos que as nenas e nenos poderán interactuar co medio coa axuda das súas nais ou pais. 

A xornada dará comezo ás 11 horas cun obradoiro de ‘Hoteis para insectos’ no que cada pequena ou pequeno que participe poderá construír o seu propio aloxamento para bechos, tomando conciencia da súa importancia no medio natural. Ao remate da xornada poderán levar cadanseu hotel para a casa.

Unha vez rematado o obradoiro terá lugar o ‘Xogo-labirinto da natureza’. Unha divertida proba na que as nenas e nenos, axudados dos pais, deberán dar resposta a unha serie de incógnitas agochadas na horta ou nos seus arredores. 

Ao remate deste xogo, e para repoñer forzas, será a quenda do ‘Que é que da nosa horta?’, un xogo no que as pequenas, de novo axudados polos adultos, deberán poñerlle nome aos diferentes apeiros e utensilios que se empregan nunha horta tradicional.  

Para rematar as actividades terá lugar a plantación dunha maciñeira. Trátase dun acto simbólico no que se pretende inculcar ás pequenas e pequenos o valor das árbores así como a importancia da conservación das nosas especies autóctonas e a necesidade de coidar e respectar o noso medio natural. 

A Festa rematará cuns pinchos para todas as persoas que asistan e xogo libre para toda a rapazada. 

Todas as actividades son de balde e non se precisa inscrición previa.

Agardamos que desfrutedes desta xornada festiva.

Actualización

Na mañá do 27/03/2019 desenvolveuse unha iniciativa, de carácter familiar e divulgativo, na que se incluíron divertidos xogos e un programa de actividades na horta de Quinín,en Redes.

Tratouse dunha xornada familiar para celebrar o Día da Árbore na que se pretendeu transmitir, aos nenos e maiores asistentes, a importancia das prantas e a necesidade de coidar e respectar o noso medio natural mediante as diversas actividades nas que os nenos e nenas, coa colaboración activa dos seus pais e nais, puidesen interactuar cos elementos naturais que os rodean diariamente e que, en moitos casos, pasan desapercibidos para eles.

Esta xonada contou cunha ampla participación de rapazas e rapaces e unha coidada organización por parte da Asociación Instrutiva de Caamouco e na que Betula achegou a súa colaboración nas diferentes fases, de acordo co convenio establecido coa AIC.

A xornada deu comezo ás 11 horas cun lixeiro orballo que non dificultou as tarefas e xogos, máis ben favoreceu que as tres froiteiras plantadas, coas que culminamos a dita xornada, medren vizosas e sexan testemuñas de amor á terra polas xeracións máis novas.

Para rematar a Festa puidemos degustar uns pinchos elaborados con produtos de tempada presentes nas nosas hortas dos que disfrutaron todas as persoas que asistiron a esta xornada e un rato de xogo libre para toda a rapazada.