Dende que Betula accedeu por doazón á titularidade de dúas parcelas nas Fragas do Eume hai máis de dous anos, estableceu como prioridade a eliminación dos 350 pés de eucalipto que invadían este fermoso espazo de bosque atlántico.
Conseguiuse a tala, non sen dificultades, tratando de non danar a vexetación orixinal. A segunda tarefa era eliminar os rebrotes sen sermos agresivos nun terreo con forte pendente e un alto grao de humidade. Tamén se conseguiu coas orientacións técnicas do socio Jorge que recomendou a cubrición dos cepos con plástico negro para evitar a luz e favorecer os fungos saprófitos. Feita a correspondente comprobación, xa é hora da retirada definitiva dos plásticos, que cumpriron a función agardada.
É polo que Betula convoca para o día 1/06/2019 a derradeira xornada de deseucaliptización nestas parcelas, sumándose así á convocada para o 8/06/19 a nivel xeral e agardando unha boa participación de voluntariado.
Concentrarémonos ás 10:00 h. no Centro de Acollida de Visitantes de Ombre (Pontedeume) e remateremos a actividade ás 13:30 h.
Para participar é necesario inscribirse achegando os datos persoais a Lan, tel. 605355650 antes do 31/05/19 Precísase calzado axeitado e luvas.