Un dos proxectos nos que a Asociacioón Betula participa é a Custodia de ríos, que é unha iniciativa de concienciación, educación e participación cidadá en defensa dos nosos ríos, promovida por ADEGA.

O Proxecto Ríos nace en Galicia En 2005, coordinado por ADEGA, cos propósitos de divulgar a situación ambiental dos nosos cursos fluviais, contribuír a incrementar a concienciación ambiental a través da participación cidadá e aportar solucións aos problemas asociados á auga e aos ríos, así como de convertese nun referente nos programas de educación e voluntariado ambiental.

Dentro deste proxecto, levamos a cabo unha xornada de traballo de Limpeza simultánea de ríos que se celebra a finais do mes de setembro. Esta limpeza de ríos é un día no cal voluntarios e voluntarias saen aos seus ríos para recoller o lixo que atenta contra a riqueza dos nosos ecosistemas fluviais.

 

Motivación

A crecente sensibilización da cidadanía fronte á degradación ambiental ten levado a moitas persoas e entidades a organizar limpezas de ríos.

En ocasións, os refugallos tirados ao río non representan un perigo para o ecosistema, pero si supoñen un impacto visual negativo (papeis, plásticos, madeiras, etc.). Noutras ocasións, os materiais depositados poden supoñer unha fonte de contaminación, debido ás sustancias que as compoñen (pilas, aceites de coche, baterías, produtos fitosanitarios, etc.) ou ben porque poden provocar alteracións en certos organismos (vidro, chatarra, etc.).

Malia crecente implicacioón de parte da sociedade nunha xestión adecuada dos residuos producidos polo home, aínda existen persoas que contemplan os ríos como un vertedoiro, e segue a quedar moito lixo neles.

Actividade

Esta actividade consistirá na realización dunha saída ao Río Castro, que se atopa situado entre os termos municipais de Fene e Cabanas, e realizar unha limpeza dos refugallos que se atopen na cunca do mesmo.

É unha actividade en colaboración coa AVV de Limodre e na que poden e deben asistir nenos, xa que eles representan o futuro e é preciso que dende pequenos tomen conciencia da importancia que a natureza supón para as nosas vidas.

Data e Horario

A actividade realizarase o día 30 se setembro entre as 10:30 e as 14:00 horas (a hora de remate é orientativa)

Material Preciso

Para a realización desta actividade, os asistentes deberán vir preparados con calzado e roupa resistentes.